VALORACIÓN


A asemblea de Acampada Monforte do 15M celebrada o día 28 de Novembro nos reunimos para facermos unha valoración do I Foro Social de Monforte e Comarcas. A primeira impresión que compartir con vós é de alegría. Hai quen di que o Foro foi un fracaso por ter mesas con 20 ou 30 persoas de público, ou actos con case 70 asistentes. Quen mida así o éxito do encontro estará reducindo o seu sentido orixinal para que se perda. O Foro tiña que ser unha ágora para que persoas con creatividade e proxectos se achegasen para coñecérense e compartiren inquedanzas, e así foi. Alí encontráronse sensibilidades comúns que traballan en eidos ben diversos, e mesturando as súas propostas foise creando un ambiente propicio, un caldo de cultivo para seguir medrando, con alimento do bo, niso que dun xeito ben ambiguo poderiamos chamar "altermundismo".

Outro mundo é posíbel, si, Señores e Señoras da Banca e dos Gobernos e aquí —coma noutros moitos sitios— estamos a traballar para acadarmos un mundo máis xunto, unha terra mais digna e mellor tratada. Dende esta comarca atopamos ese resón por toda a Galiza e sentímonos sintonizados cunha nova sensibilidade emerxente no planeta. Hai que trocar o sistema, non hai outra! E ímolo facer comunicándonos máis e mellor, informándonos con independencia, procurando a xustiza social, fortalecendo a identidade e a cohesión solidaria, promovendo boas prácticas no agro e o coidado da natureza e mais do espírito.

Quizais nos poñemos un pouco místicos e místicas ou sentimentais —perdoade, non pretendemos ser obxectivos nin camuflar as nosas paixóns— mais cremos que do que se trata é de acariñar a anima mundi dende as pequenas cousas correntes para conseguirmos un cambio global. Pode que cadaquén o pensara de xeito diferente, mais cremos que todas e todos estamos a perseguir algo moi semellante. E sentímonos afortunados e afortunadas —alegres— por facer deste camiño necesario unha aventura compartida.

O Foro Social das Terras de Lemos é unha iniciativa que xorde da asemblea do 15M, dun xeito horizontal e sen ningún tipo de axuda institucional, e pretende ser un espazo aberto que posibilite a xuntanza e autoorganización de novas iniciativas sociais críticas co statu quo económico e político.

O Foro pretende ser crítico e construtivo. Por unha beira recolle toda a indignación do movemento do 15M mais, pola outra, proba de abrir espazos para artellar saídas e liñas de actuación fronte á actual crise e ao imparábel devalo das políticas de benestar. Ténselle criticado moito ao 15M que é un movemento emocional e líquido e —así soen seguir estes críticos—, por tanto, un movemento insubstancial, difuso e pouco operativo dende o punto de vista político. Pois as voces do Foro queren rachar con este argumentario, non queren quedar nese perpetuo muro das lamentacións etéreas, da crítica chea de bile e do cabreo espallado por todas partes, senón que pretenden utilizar todo ese caudal de reflexión crítica para canalizar a indignación e levala a dar unha resposta real e efectiva aos problemas que nos acutifan.

Seguindo o ronsel dos diferentes movementos altermundistas, o Foro Social das Terras de Lemos pretende ter una visión global para analizar a situación propia no mundo e articular "respostas efectivas e locais". Porque muíño parado non gaña maquía, nós tampouco imos esperar que nos limpen as cortes o FMI, a UE ou o novo goberno que xurda das urnas, imos seguir esixindo e demandando —claro está!— sobre os valores da dignidade, pero non imos quedar aí, senón que pretendemos fomentar novos proxectos que amosen alternativas viábeis dende a nosa bisbarra. A Terra de Lemos non espera, Monforte mira ao mundo e ponse a camiñar cara ao futuro, con esperanza, buscando sinerxías e complicidades.

Se alguén se pregunta se xurdiron propostas concretas temos que dicir que si e que foron compartidas na asemblea que celebramos o día 28 de novembro. Para quen estea interesado en coñecelas e participar pode achegarse libremente ás asembleas semanais dos luns ás 19:00 no noso local de inverno ou contactar en acampadamonforte@gmail.com, forosocialdemonforte@blogspot.com, bankomun.blogspot.com.

O noso agradecemento a tod@s @s poñentes que de maneira desinteresada e co esforzo persoal e económico fixo posibel este Foro.  Grazas tamén a tod@s que colaboraron na organización o participaron neste encontro.